A entrega destes premios terán lugar no mes de decembro na Gala do FIR

Fuxan os Ventos, Celso Fernández Sanmartín e Xose Luis Méndez Ferrín, premios Rebulir

O Xurado da XI edición dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2022, reunido en sesión ordinaria decidiu outorgar estes galardóns a: Fuxan os Ventos (categoría música galega) no seu 50 aniversario pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional e popular galega, poñendo en valor a poesía e cultura endóxena; Celso Fernández Sanmartín (Artes escénicas) por preservar e difundir a tradición oral galega desde o respeto, e levar os contos do noso rural a diferentes escenarios poñendo en valor a creatividade propia; e Xose Luis Méndez Ferrín (Homenaxe) por ser un dos máximos expoñentes da literatura galega contemporánea e difusor da cultura propia a través da súa obra chegando a diferentes públicos.

Na xuntanza na que o xurado decidiu aos premiados, acordouse tamén establecer o acto de entrega de ditos galardóns o sábado, 17 de decembro de 2022, as 19 h. no marco da Gala Central do FIR 2022, a cal se celebrará previsiblemente no Complexo Polideportivo do Picouto (Concello de Ramirás) seguindo estritamente as medidas sanitarias vixentes nese momento.

Cabe sinalar que o Premio Rebulir de Cultura Galega, nace no ano 2012 como un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. Entre os/as premiadas están nomes de recoñecido prestixo como Xabier Diaz, Guadi Galego, Rosa Cedrón, Uxia, Leilía, Rubén Riós, Antonio Durán «Morris», María do Ceo, Carlos Blanco, Marcos Pereiro e Xose Antonio Touriñán, Xosé Ramón Gayoso, Xose Manuel Piñeiro, Mercedes Peón, Fina Calleja, Anxo Angueira… entre outros/as.

SOURCE: Premios Rebulir