«Cremos nunha política achegada á cidadanía e que responde efectivamente aos intereses das persoas»

Diego Lourenzo, candidato do BNG en Verín

Como definirías a situación do Concello despois destes catro anos (ou oito) co bipartito PSOE-BNG?
Diego Lourenzo: “Estes dous últimos mandatos supuxeron un punto de inflexión na historia recente do noso concello. Tiñamos un programa de cambio que foi materializado. Ámbitos como o cultural, a rehumanización, un novo modelo social e urbanístico, tamén nas alternativas de lecer. Darlle á cidadanía que facer sen necesidade de ir a outros sitios e cargar co elemento do orgullo do propio foron símbolos de identidade durante estes dous mandatos. Queda moito por facer, pero creo que o traballo feito avala e permite que nos presentemos a estas eleccións cos deberes feitos”.

Cal pode ser a día de hoxe o principal problema do concello?
D.L.: “Verín ten un de carácter xeral que é a perda de poboación, problema que debemos acometer con todas as administracións porque das posibles saídas é que Verín teña capacidade de creación de postos de traballo para que os mozos poidan quedarse; ben é certo que os concellos non temos competencias en materia de emprego, porén debemos procurar todas as opcións e alternativas, neste caso coa Xunta. Neste eido son importantes estas eleccións pero tamén o son as de 2024; Verín leva dous mandatos con abandono absoluto por parte da Xunta con 0 inversión”.

Cal sería por parte do BNG a medida estrela?
D.L.: “Sempre escapamos de medidas estrelas, cremos nunha política achegada á cidadanía e que responde efectivamente aos intereses das persoas, que sexan elas as que participen no entramado político. Cremos nun concello participativo no que recibimos constantemente a veciños aos que nunca se lles nega o acceso ao diálogo cos seus representantes públicos. Penso que as cuestións vinculadas a materia de emprego (cunha nova Xunta que mire a Verín doutra maneira). Tamén creo que debemos responder xa á necesidade de ter unha gardería infantil (Galiña Azul); vemos xente que vive en Verín e que ten que levar aos fillos a outros sitios porque aquí soamente temos unha gardería privada que non da atendido á demanda actual. Desde o BNG levamos moito tempo presentando enmendas aos orzamentos da Xunta e o PP constantemente vota en contra desta medida”.

Algunha proposta para a dinamización económica?
D.L.: “Debemos facer un Verín o máis amable posible, para que a xente veña e se quede. Verín é atractivo a nivel humano, cultural, de alternativas de lecer e somos coñecedores de que emprendedoras e emprendedores e xente que trala pandemia veu aquí e traballa para empresas; por todo iso é fundamental un espazo de Coworking. Ademais, debemos esixir a quen ten competencias -neste caso a Xunta- para a continuación do polígono industrial de Tamagos”.

Os últimos oito anos gobernaron en coalición co PSOE, volverían repetir a fórmula? Con outras forzas políticas?
D.L.: “Isto é unha cuestión case de natureza; sempre que dependeu do BNG o PP non gobernou, e con VOX está claro. Chegado o momento e trala noite do 28M poderemos falar de pactos. Porén, nós temos experiencia, a forza, as ideas e o equipo suficiente para liderar o próximo goberno municipal. Somos conscientes de que as maiorías absolutas non se van a dar, pero o obxectivo fundamental échegar, cando menos, ao número de concelleiros do PSOE para ter o mandato dividido, dous anos un partido e os outros dous o outro”.