«Estamos nunha taxa de paro inferior ao 7%, moi baixa en relación á provincia, a Galicia e a España»

Xosé C. Valcárcel Doval, candidato do PSOE en Barbadás

Como definiría a situación actual do Concello?
Xosé Valcárcel: «Estamos nuhna taxa de paro inferior ao 7%, moi baixa en relación á provincia, a Galicia e a España. Vivimos nun sitio que temos as taxas e os tipos impositivos máis baixos de Galicia por que están -no IBI e Imposto de Circulación- nos máis baixos que permite a lei; ademais baixamos os valores catastrais dos inmobles. En servizos sociais estamos a realizar un gran traballo no Centro de Información á Muller (CIM) atendendo a 70 persoas en colaboración co Concello de Taboadela. En seguridade traballamos para traer un posto da Garda Civil. En emprendemento facemos cursos de formación e acabamos de poñer en marcha a aula mentor -que só hai catro en toda a provincia- nos que se realizan cursos homologados polo Ministerio de Educación en temas de sanidade, hostalaría, comercio, informática, etc.
Pero, para poder prestar determinados servizos debemos ter financiamento, e iso pasa pola colaboración da Deputación e neste caso e entidade provincial entrega diñeiro arbitrariamente don criterios subxectivos. Así que reclamamos un plan de financiamento único que trate por igual a todos os concellos. A nivel educativo, fáltanos un instituto. O señor Feijoo -anterior presidente da Xunta- díxonos que non era viable ao ter un instituto a dous quilómetros».

Cal podería ser o maior problema do concello?
X.V.: «Temos a 400 persoas que son atendidas desde o Banco Solidario. Outro problema é dotar ao concello de infraestruturas debido ao crecemento poboacional: hai que ampliar o polideportivo e temos un proxecto dun millón de euros de orzamento presentado na Deputación e Xunta para entrar no Plan Marco de Instalacións Deportivas. E temos que traballar aínda máis no asfaltado e recuperación de diversas rúas; temos un problema coa rehabilitación dos Cascos Antigos nos rurais, apostamos pola creación dunha oficina de rehabilitación e asesoramento»

Algunha proposta sobre dinamización económica?
X.V.: «Traballamos na posta en marcha dun polígono industrial e comercial, que estaría entre Sobrado, Bentraces, Pontón e Barbadás de 55 hectáreas e en colaboración coa Zona Franca de Vigo. E seguiremos mantendo os eventos polos que apostamos no seu momento como o «Barbadás a bocados», o «Barbadás outlet»; apostar por todas as campañas que nos propoñan desde o sector do comercio. Tamén quero salientar que temos uns viveiros empresariais nos que se instalan a moi baixo custe as empresas que queiran instalarse aquí e que teñan unha continuidade. Ademais, temos axudas para novos emprendedores que ascenden a 2.000 euros anuais».

Sen maiorías no horizonte do 28M toca falar de pactos.
X.V.: «Non imos pactar con partidos de dereita que descoñecen a palabra obreiro. Partidos que se opoñen sistematicamente a consolidar as pensións, que consideran que non hai que loitar pola igualdade e non consideran a violencia de xénero como un problema, que non cren importante subir o salario mínimo. Dito isto, levamos catro anos en minoría e logramos, mediante acordos con outros partidos, sacar adiante os orzamentos e o remanente de tesoureiría».