«Faremos a recuperación integral de toda a zona que vai desde a praza de Abastos ata a Muiñeira”

Luis Seara, candidato do BNG en Ourense

Como ve a situación actual do Concello?
Luis Seara: «Con enorme tristura, por que esta situación provocada pola publicación de audios no que o alcalde pide mordidas a empresas, ao final acaba impregnando a campaña e baixando a imaxe do Concello. Estou farto de que día si e día tamén a imaxe de Ouense estea salpicada por que saímos por novas negativas debido á excentricidade do alcalde».

Cal é o principal problema de Ourense?
L.S.: «Agora mesmo é quen goberna e o fai por que o Partido Popular así o quixo. E estamos avisando que o 28 de maio temos que tomar unha decisión transcendental: ou elexir entre a rexeneración política, a diginidade e a decencia; ou a corrupción e o nepotismo que levan instalados neste concello e provincia durante máis de 40 anos».

Cal será a medida estrela do BNG no vindeiro mandato?
L.S.: «Temos un proxecto transformador, polo que non hai unha medida estrela específica por si. Pero se tivera que escoller algunha, esa sería a recuperación integral de toda a zona que vai desde a praza de Abastos ata a Muiñeira.
Este sería un proxecto espectacular xa que falamos da zona cero da cidade e atoparse cunha praza de Abastos aberta, un Rianxo recuperado, un xardín termal no antigo xardín das Burgas e unha antiga cárcere convertida nun edificio multifuncional mudarían a imaxe da cidade».

Que propostas presentan en dinamización económica?
L.S.: «Apostamos polos nosos sectores produtivos, polo comercio local que permite recuperar e humanizar as cidades ademais de ser un elemento de dinamización económica de primeira magnitude. E falamos tamén de cuestións como o termalismo, pero non só como favorecedor de saúde senón tamén como xerador de riqueza. Tamén falamos de cultura e deporte como productores de riqueza. E falamos ademais de poñer en valor as prazas de Abastos a través do proxecto «Come Ourense», que un proxecto da recuperación da superficie agraria que hai arredor da cidade e por tanto, un proxecto fornecedor de alimentos de calidade e de «Km 0″ das prazas de Abastos da Ponte e da Burga, que teñen que ser vertores de dinamismo económico».

Toca falar de pactos. BNG-PSOE era o pacto natural, pero parece que os socialistas queren achegarse ao PP.
L.S.: «Non vou valorar o que faga o PSOE. Si que temos un pacto coas veciñas e veciños. Non nos gusta falar de pactos sin que antes se celebren as eleccións xa que é un insulto á intelixencia das persoas, pero desde logo teñen que ter claro que o que dependa do Bloque Nacionalista, nin Partido Popular nin Democracia Ourensana (que son as dúas caras dunha mesma moeda) van gobernar no vindeiro mandato. Nós aspiramos a liderar o futuro goberno de Ourense, a ter un alcalde do BNG e por iso estamos pondo todos os nosos esforzos de aquí ao día 28 de maio».