«Pactariamos con quen fixera algo para Ourense, pero de verdade»

Sonia García García, candidata de VOU en Ourense

Como definiría a situación actual do Concello de Ourense?
Sonia García: «Visto o visto, penosa. Xa o era antes e agora están en guerra. Que arranxe cada un o seu».

Cal pode ser o principal problema de Ourense?
S.G.: «Que non se fai nada e levamos así anos e anos. Prometen que se vai facer e Ourense segue morto e cada vez se morre máis. Non hai máis que velo, vas pola cidade e ver locais pechados. Agora -en campaña- proponen facer pero non fan nada. O termalismo, o presentan por aí gastando moitos cartos pero, que temos de termal en Ourense? Aquí o único un pouco decente, a Chavasqueira e non lle deron a licenza para a súa reconstrución, que presumimos de termalismo? Co que temos que fagan algo».

Cal sería a medida estrela de VOU?
S.G.: «Estrela estrela ningunha. Se fixeramos todo o que hai que facer: sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal, o termalismo, quitar trabas para as licenzas -que é unha aberración o tempo que se tarda en conseguir unha-, dar máis axudas para que a xente poida montar máis negocios e impulsar, deste xeito a economía».

Algunha medida para a dinamización económica?
S.G.: «Tentaremos, como dixen, quitar o maior número de trabas para os que queiran montar un negocio, para que non se tarde dous anos en conseguir unha licenza, que sexa moito máis rápido. Na hostalaría, pois intentar quitarlle as taxas das terrazas para que poidan sobrevivir, por se non te afogan».

Sen maiorías absolutas á vista, por onde pasarían os pactos de VOU?
S.G.: «Pactariamos co que fixera algo para Ourense, pero que o faga de verdade. Hai moito que facer en Ourense sen necesidade de dicir «imos crear…» non, fainos xa. Por exemplo, parques de cans, hai un, xa se puideron facer moitos máis».