Celanova, capital da música xuvenil

Celebrou o Encontro da Banda Sinfónica Xuvenil Galega.

Celanova acolleu do 26 ao 30 de xuño o 5º Encontro da Banda Sinfónica Xuvenil Galega (BSXG), evento organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) que ademais contaba co patrocinio do Concello de Celanova, a Banda de Música Municipal de Celanova e a Deputación Provincial de Ourense baixo a coordenación de Jorge González Rodríguez, músico e directivo da Asociación de Amigos da Banda de Música celanovesa.

Esta agrupación está formada por máis de medio cento de mozos e mozas con edades comprendidas entre os 15 e os 18 anos, seleccionados de entre as máis de 95 bandas de música que compoñen a federación e chegados de toda Galicia. Ao longo de todo o encontro, os participantes conviviron en Celanova compartindo ensaios, actividades formativas e eventos lúdicos, ao tempo que realizaron ensaios abertos e amosaron o traballo en diferentes concertos que se desenvolveron contribuindo ao enriquecemento da ampla axenda cultural e musical que se vén desenvolvendo en Celanova durante os últimos anos.

Os integrantes da Banda Sinfónica Xuvenil Galega estiveron toda a semana no Albergue Municipal de Celanova e recibiron as súas clases nas aulas do Mosteiro de San Salvador, ao tempo que dinamizaron o sector hosteleiro da man de diversos restaurantes e taperías da zona. Ademáis dos ensaios de banda, recibiron clases de especialistas instrumentais que complementaron a súa formación e deron lugar á preparación dun concerto de música de cámara na Igrexa Conventual. Todas estas actividades deron remate co concerto de clausura no claustro barroco do Mosteiro de San Salvador de Celanova.

Tiago Correia
Tras unha selección previa realizada ente os numerosos candidatos a dirixir a BSXG, foi seleccionado o director portugués Tiago Correia, que foi o encargado de levar a batuta da banda, coordinar todo o plan formativo dos músicos e dirixir dous concertos: o citado de Celanova, e un segundo en Santiago de Compostela, clausurando o 4º Festival de Bandas Infantís e Xuvenis de Galicia que tivo lugar na Cidade da Cultura.

Nesta última actividade, patrocinada pola Xunta de Galicia, déronse cita unha ducia de bandas de música que, con máis de medio milleiro de rapaces participantes, realizaron unha xornada de convivencia, ademais de compartir experiencias e presenciar as actuacións dos seus compañeiros.