As vítimas de violencia de xénero, unha prioridade nas políticas do Goberno galego

En 2022, concedéronse preto de 900 axudas económicas.

A Xunta de Galicia traballa para que as vítimas da violencia de xénero conten con todos os apoios e medidas de protección. Deste xeito, o ente autonómico traballa para que dispoñan de diversos apoios como pode ser asistencia xurídica, acompañamento psicolóxico e social, acollemento e apoios económicos.
En canto ás axudas económicas, cabe dicir, que o ano pasado concedéronse preto de 900 axudas para garantir a independencia económica das vítimas.

Axudas
A maioría delas foi cun pago periódico co que estas mulleres perciben ata 800 euros mensuais e durante un período de 12 meses. Galicia é referente por dispor dunha axuda económica mensual e ininterrompida todo o ano á que se acolleron 571 mulleres.
A Xunta tamén facilita un pago único para axudar ás mulleres que teñen maiores dificultades de inserción laboral.
Tamén se contemplan apoios aos fillos orfos ou ás mulleres que resultaron gravemente feridas por mor da violencia de xénero.

Acollemento
Os recursos de acollemento, pola súa banda, deron acubillo en 2022 a 351 persoas (130 delas, menores) en vivendas tuteladas e centros de acollida e no centro de emerxencia de Vigo.
No marco das competencias autonómicas, ofrécese ademais, un tratamento integral de protección das vítimas da violencia. No eido do apoio psicolóxico, contan cunha quenda de garda permanente, que atendeu o ano pasado máis de mil persoas.

Colaboración
Para o Goberno galego, a colaboración entre as diferentes administracións é a única saída para alcanzar a cifra de 0 vítimas. Por iso, requiren máis medios humanos e materiais para que ningunha muller quede desprotexida, en permanente contacto cos axentes implicados na loita contra esta lacra.
Sobre este aspecto falou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, no marco da iniciativa «Xuntos contra a violencia de xénero. Por unha sociedade máis libre, equitativa e sen violencia» que se celebra en asociacións veciñais galegas (a través dun convenio de colaboración que se renovou o pasado mes de agosto) e que conta co apoio da Xunta. Un proxecto que pretende sensibilizar e concienciar á sociedade. A conselleira -que considera esencial que se traballe desde a infancia desenvolvendo programas de sensibilización e educación desde edades temperás- apela á unión na loitra contra a violencia de xénero e destaca o impulso da Xunta ás entidades veciñais que camiñan cara a unha sociedade máis equitativa.

Lei de igualdade
No Parlamento de Galicia, estase a tramitar na actualidade unha Lei de igualdade (que é o resultado dun proceso participativo). Devandita nova normativa situará a Galicia á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller.
Galicia foi pioneira na loita contra a violencia de xénero anticipándose na aprobación de normas que protexen ás vítimas, coa atención a case 78.000 mulleres en situación de vulnerabilidade desde o ano 2009.
Entre outras novidades, contempla o recoñecemento da discriminación múltiple e interseccional ou a promoción de espazos seguros e libres de acoso sexual nas cidades e en eventos multitudinarios. A Lei galega de igualdade é resultado dun proceso participativo: ademais dos trámites de consulta previa e información pública, o texto someteuse a consulta de 52 entidades representativas.