De galiñas e pitiños

As Andrómenas e outros contos

Que teima lles entrou agora co de censar as galiñas, non chegaba con cobrar por facer un galiñeiro, catro tablas do refugallo, tiradas do encofrado da planchada do garaxe e unha lona reciclada, «despistada» dun evento, da feira de Silleda coa publicidade de Atrampa, ou doutra banca calquera. Pensaron que tan grande casa era un Pazo para as poliñas, e «tanto dispendio non se pode permitir» mentes privilexiadas puxéronse a cavilar «nas galiñas fachendosas e nos galos de crista baril, aínda que as propiedades da Igrexa non deban contribuír, as mansións do Estado Galináceo deben facelo, non si?».

Reunidos e merendando fixéronlle a festa a un galo de curral en Vila de Cruces, e despois dunhas cuncas de Ribeiro, subíronse os entendidos ó poleiro do saber e chegaron á conclusión de que os galiñeiros teñen que pagar contribución.

Mais os nosos gobernantes, cucos na fraga do que hai que ver, non paran de discorrer, que para iso cobran ben, esculpen novas leis coma o escultor co buril, e nestas obras de arte que ni a imaxinación máis fecunda poida descubrir, acaban seica de inventar o «Censo Galinhil». Ollo! cos derivados tamén poden constituír materia impositiva, razóns para unha nova achega, xogar a pita cega, ou ao Galo de abril… Deberíase prohibir contarlles contos de galiñas e raposos ás crianzas, e nas escolas as galiñas de cores, en caso de continuar co seu uso os pais terían que abonar unha cota pola imaxe das galináceas, aínda sendo para fins educativos ou de recreo.

Unha vez censadas as pitas antes de poñer ovos convén para a boa marcha do país, constituír un corpo de inspectores que certifique a fertilidade da ave e reflicta nun documento creado a tal efecto, a pertenza á raza axeitada e os datos dos proxenitores. En caso de haber máis dun galo no curral é obrigatorio controlar quen galou a galiña no intre do proceso xerminal.

De moita relevancia é trazar a orixe dos devanceiros e ver de que galiñeiros proceden, para establecer o importe da renda a satisfacer. A ninguén se lle escapa que os ovos de donacións para doces institucionais, tartas de Santiago, convento de Santa Clara ou semellantes, quedaran excluídos da tributación xeral, e tamén aqueles usados para rebozados, empanadas, tortillas ou calqueira outros cuxo destino sexan agasallos e petiscos nos actos dos gobernos, ben sexa do partido que ostente a gobernanza ou daqueles outros que poidan gobernar no futuro, segundo a decisión dos analistas políticos das televisións e os medios de comunicación, pagados polos contribuíntes e os criadores das aves das que vimos falando neste artigo, isto redáctoo así para non repetir galiña tantas veces e cansar ao sufrido lector, se me queda algún!

E preguntaraste papá por que ando escribindo estas Andrómenas? Direiche que dende que esvaraches polo Asneiro isto parece un galiñeiro de galos sen cabeza, agora queren censar as galiñas, cortar carballos e sementar “eucalitros” como lles chamaba o tío Cándido, non se pode limpar o río e os troncos secos que arrastran as enchentes, quedan tapando as pontes, agardando outra enchente que leve tamén a ponte, e fan leis para o campo uns señoritos de carreira que nunca pisaron a lama, e pouco a pouco baléiranse as aldeas e a xente fuxe levada do demo e non volve, agora van censar as galiñas, non sei se lles porán nome e apelidos e numero de carné de identidade.

E a min veume á memoria, cando faltou a nosa galiña, a Rubiña das Puntas Brancas, acórdaste? Pensamos que morrera; primeiro deixou de poñer no niño que tiña na corte pequena, e despois andaba moi parada, pensamos que estaba enferma, logo desapareceu uns días e ti dixeches: “se cadra papouna o raposo ou algún can”… A min deume tanta pena que me botei a chorar, «non chores, que se anda choca aínda pode aparecer calquera día con pitos» e mentres o dicías collíchesme no colo e secáchesme as bágoas coa man.

E tiñas razón, para o outro día estabamos os dous no corredor, ti andabas facéndolle a caldeirada a Cachorra que parira, e coa remolacha que sobrou construímos un carriño con ladrais, chavella, estadullos e un arado para xogar eu. Estabamos entretidos e de súpeto pareceunos escoitar unha galiña chamando polos pitiños, erguémola cabeza, e alí estaba a Rubiña cos seus fillos, doce debuxos de cores detrás, coma flores amarelas de abril, parecía a mestra cos rapaces de excursión, viña andando paseniño, chamando coa dozura no peteiro, agardando a que foran chegando sen presas, de a pouquiño e mirando para nós ao mesmo tempo. Ti colliches millo e fariña da que tiñamos preparada, para a caldeirada e botáchesllos lene no chan para non asustalos, deseguida os pitiños saltaban xa entre a fariña e a Rubiña comía no millo, notábaselle a fame que pasara chocando nos ovos, e ti e eu papá, abrazámonos e rimos, moi ledos por ter con nós de novo a nosa galiña.

«A Rubiña, fixo o niño en liberdade, que boa é a liberdade Chiquito, sen liberdade valemos pouco, a maior liberdade é a de pensar; por moito que te prendan sempre poderás soñar meu neno, non te deixes encarcerar, ninguén pode roubarnos a posibilidade de volver a voar, coa liberdade do pensamento e lembra como fixo a Rubiña que cando sintas a necesidade de regresar ao lar, poderás facelo; onde estea eu estarás ti, porque sempre vivirei no teu pensamento» que listo es papá agora seino, e estou feliz de sabelo.

Despois a galiña foi chamando con moita paciencia polos pequeniños e levounos para a corte pequena e ti subíchesme a min, acarranchapernas do pescozo e leváchesme para a cociña, fritimos uns ovos con chourizos e xantamos. Os ovos eran nosos e da galiña sen censar e os chourizos da matanza afumados no noso fumeiro, como me viches cavilando, botáchesme a man pola testa agarimando e dixeches: «Agora come os ovos que non son todos para pitos e despois daslle de comer tamén ás galiñas que son animaliños de Deus coma nós e a becerra e botácheste a rir.
Imaxino que agora tamén escacharás a rir coas ocorrencias que che contei, dos empoleirados que nos gobernan, xa ves que Andrómenas máis raras acontecen por aquí!

Avelino Jácome