«Aínda non somos conscientes do que vai supor o regadío para esta comarca, a comarca agrícola máis importante de Galicia. Cando pasen 5 ou 10 anos saberémolo»

Entrevista a Amador Díaz Penín, alcalde de Xinzo de Limia.

Amador Díaz foi o candidato de AXIL nas pasadas eleccións municipais. Despois de ser tenente de alcalde no pasado mandato (nun cuatripartito) este ano volvía ser chave para conformar Goberno municipal. Despois de falar co PSOE (a súa candidata, Elvira Lama, era a alcaldesa) e co PP, finalmente decantouse por pactar con estes últimos, que o erixían como alcalde durante os catro anos e “puxeron sobre a mesa proxectos importantes para Xinzo”.
Case un ano despois, falamos con el para que nos fixera un balance deste tempo e do que agarda para Xinzo ata 2027.

Cal é o balance que fai deste primeiro ano de mandato?
Amador Díaz: “O balance é que houbo a convocatoria de dúas eleccións neste ano (xerais e autonómicas) e para o alcalde é un atraso, por exemplo, na marcha normal das obras.
O primeiro obxectivo era o arranxo da pista da Armada; eu compremetinme a conseguir a financiación, e hai que agradecer ao conselleiro do Medio Rural e ao presidente da Deputación que ao final isto sexa una realidade. 320.000 euros que se van a invertir nunha obra moi demandada”.

En termos xerais, como analiza este ano?
A.D.: “O que dixen sempre, traballar polos veciños e niso estamos. En breve imos licitar unha obra da rúa Dous de Maio, que son 250.000 euros, sairá seguramente en 15 días a concurso, agardamos que en outubro estea rematada. E estamos traballando a bo ritmo co Plan Urbe, nunha obra moi importante que son 856.000 euros para o barrio de Abaixo, que foi paralizada pola convocatoria das eleccións durante 3 ou 4 meses, pero agardo que para final de ano sexa una realidade. E seguimos nesa liña. Fixéronse tamén obras no interior do pavillón de deportes e seguiremos traballando para poñelo como precisan a cantidade de nenos que pasan por el. Estamos traballando na grada do campo exterior do Xosé Luis Carrera, que está nun estado lamentable”.

O regadío é un tema de actualidade, moi importante para a comarca. Que pode supor para Xinzo?
A.D.: “Aínda non somos conscientes do que vai supor o regadío para esta comarca, a comarca agrícola máis importante de Galicia e cando pasen 5 ou 10 anos saberemos realmente o que neste momento estamos comezando a fiar. Eu creo que para esta comarca é trascendental que poidamos xogar nas mesmas condicións que outras zonas pola auga, que acá non lle damos tanta importancia pola climatoloxía pero que realmente vai supor una diversificación de cultivos e que os agricultores estean nas mellores condicións de producir alimentos. Totalmente vai a marcar un antes e un despois”.

E como ve a problemática do IVE?
A.D.: “Ó final é complicado que un agricultor teña que pagar un IVE e non o poida deducir. Se nós poñemos o 20%, pois sería lícito que nós pagaramos o 20%, se o Goberno central pon o 80% e iso suporía un abaratamento moi importante á hora da aportación que hai que facer por hectárea”.

Como ve a Xinzo en 2027?
A.D.: “Estamos ca ampliación do polígono industrial, temos que traballar intensamente para fixar poboación no rural e iso implica a creación de postos de traballo, temos que facer un gran esforzo na captación de empresas e iso, xunto con ser unha importante comarca agrícola, sería a columna vertebral deste concello”.

Desde a Confederación Hidrográfica Miño Sil están comprometidos co Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras.
A.D.: “A verdade é que o presidente (da CHMS, José Antonio Quiroga) se comprometeu a seguir facendo obras no Mosteiro, o que é de agradecer. Temos tamén pendente o saneamento pegado ao río, que é unha obra tamén importante, que se empezará en abril ou maio. Temos proxectos e ao final Xinzo vai mudando pouco a pouco. Ademais, estamos moi pendentes da travesía avenida de Ourense-avenida de Madrid, que suporía unha transformación do concello de Xinzo”.

Que outros proxectos ten en mente?
A.D.: “Recuperar a zona do Toural, onde queremos instalar ese auditorio tan desexado en Xinzo. Teño que dicir que non hai ningún concello importante na provincia que teña 120 nenos na escola de gaitas, que non teña conservatorio de música, e por iso é unha vila importante á que lle falta un auditorio, polo que temos que loitar por iso e pola transformación dese espazo”.