«Describimos Rain coma unha marca emerxente que busca transmitir ese pensamento de que cada persoa é única e iso é o que a fai ser especial»

Entrevista aos creadores de Rain Project.

Creatividade, inquedanza, xuventude e gañas son parte do segredo de Samuel, Adrián e Aroa, tres adolescentes que están a dar a coñecer a súa marca (Rain Project) a través das redes sociais e de famosos cunha grande repercusión como aliados.

Que é Rain Project?
Rain Project: «Nós describimos Rain coma unha marca emerxente que busca transmitir ese pensamento de que cada persoa é única e iso é o que a fai ser especial. Ademais diso, tamén queremos transmitir que cada un pode levar posto o que queira, como queira e cando queira, e ensinarlle á xente que non te tes que pechar nun estilo de moda para vestir no día a día».

Quen o conforma?
R.P.: «Rain está formado por tres mozos: Samuel Villar Sueiro e Adrián Fernández Nieto de Celanova, e Aroa de Ourense».

Como xurdiu a idea?
R.P.: «A idea xurdiu unha tarde de verán, onde estabamos a pensar en comprar roupa nova, e charlando caemos na conta de que a moda se estaba pasando a ser monótona e todas as pezas que sacaban as marcas de roupa do momento eran esteticamente iguais; e cremos, que con esforzo, gañas, apoio, e sobre todo, humildade poderíamos facer que isto deixase de ser así».

Que vos diferencia do resto de marcas?
R.P.: “O que nos diferencia do resto, principalmente é a idade coa que comezamos isto de ter o noso negocio. Pero se pensamos nas cousas que nos diferencian, creo que algo que nos diferencia do resto de marcas que hai hoxe en día é que non só nos centramos en que a xente nos compre, se non que tamén buscamos crear unha comunidade na que a xente interactúe connosco e entre eles, que creo que ao final é o que fai que chegue a máis persoas e o que fai que a túa marca se coñeza xa non só polas pezas se non tamén pola identidade que transmite».

Que pezas de roupa deseñades?
R.P.: «De momento foron camisetas e sudadeiras en tres coleccións distintas. Para este verán temos varios poxectos en mente onde queremos transmitir a sensación de felicidade e alegría que trae o verán consigo».

Quen queira achegarse ao mundo «Rain Project» e ver o que ofrecedes, a onde debe acudir?
R.P.: «Acceder ao mundo de Rain é moi sinxelo. Calquera persoa pode acceder ás nosas redes sociais, tanto en Instagram (@raiinproject) e TikTok (@rain.project) ou buscando a nosa web en calquera buscador (rainproject.bigcartel.com). Ademais, en cada pedido pomos adhesivos co noso QR para que calquera interesado poida acceder facilmente».

Tamén vos apoian personaxes recoñecidos como poden ser o futbolista profesional Borja Iglesias ou o grupo musical Boikot. Algún máis que haxa ou vos vaia a apoiar?
R.P.: «Este empurrón foi chave sobre todo porque foi ao cabo de moi pouco tempo de empezar con este proxecto. Ademais, saímos no Teatro Callao de Madrid, e noutros paneis de diferentes lugares. A día de hoxe estamos a facer unha campaña para chegar a todos aqueles famosos que foron un «boom» nos últimos meses facendo un vídeo exclusivamente para eles».

Con respecto a uns anos atrás a promoción de produtos como estes cambiou moito; por exemplo, vésevos moi activos en redes sociais xa que é fundamental para chegar a un maior número de persoas. Como está a ser esa promoción en redes e que aceptación estades a ter?
R.P.: «Pois certo é que a día de hoxe é moito máis sinxelo emprender co teu propio negocio que hai uns anos xa que agora temos a facilidade de chegar ao outro extremo do mundo só con facer un vídeo e subilo a redes sociais. Consideramos que á xente lle gústa o noso contido, é algo que lle gusta á xente da nosa comunidade. Como distintivo en cada vídeo contamos un pequeno chiste para acabar o vídeo xa que cremos que é unha maneira de selar tamén a nosa identidade».

Quen queira facerse cun produto de Rain Project, que debe facer?
R.P.: «Quen queira facerse cun dos nosos produtos só ten que entrar á nosa web, elixir o produto que máis se lle adapte e pedilo con tranquilidade, porque ademais de contar co certificado de seguridade e de web fiable nós encargarémonos de que chegue ao domicilio cada pedido».