O Partido Popular celebrará este martes una xunta directiva para aprobar o comité de campaña das eleccións autonómicas.

Eleccións 26X: o PP obtivo 4.300 votos máis que en decembro

O presidente do provincial do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, expresou este luns a súa máxima satisfacción polos resultados alcanzados nas eleccións deste domingo, que cualificou como “un inmenso caudal de confianza” e que se traduciu en que un de cada dous ourensáns votaran ao PP, é dicir, case que o 50 % de apoio electoral. Coa vista posta xa nas autonómicas, Baltar afirmou que aínda hai posibilidades de mellora destes resultados, para o que se comprometeu a “cargarnos de razóns para que ese votante vexa que o noso proxecto merece a súa confianza”.

O presidente provincial, nunha comparecencia diante dos medios de comunicación para valorar os resultados da xornada electoral e na compaña do deputado electo Miguel Ángel Viso, salientou a elevada participación na provincia, o 69,95 %, “máis que a media de España e de Galicia, o que lexitima con máis forza os resultados”.

Manuel Baltar agradeceu en varias ocasións os 91.007 apoios recibidos (4.334 máis que en decembro), puntualizando que aínda se podería aumentar este dato cos votos válidos dos 3.952 emigrantes que exerceron o seu dereito. Uns resultados, engadiu, que contribuíron a lograr eses 14 novos escanos en toda España e ampliar o número no Senado.

Non faltou na comparecencia o xa tradicional mapa azul da provincia, que permite comprobar como o PP logrou gañar en tres concellos máis que nas eleccións de decembro. “Gañar en 87 dos 92 concellos non é nada fácil e a receita é estar sempre a disposición dos ourensáns, haxa ou non eleccións, ter vivo o partido porque as forzas políticas non só se fan para os quince días de campaña, senón para contar coa xente, escoitala e xerar propostas”, afirmou.

O presidente provincial lembrou que o Partido Popular de Ourense “é a única formación que ao inicio da campaña se fixa obxectivos, como alcanzar o terceiro escano e superar o 45 % de apoio”. Esa ambición, dixo, permitiu reunir 6.000 votos máis que en decembro e 11.000 máis desde as municipais de maio do 2015.

Todas estas cifras tradúcense, sinalou, no 49,63 % de apoio electoral, un 16,6 % máis que a media nacional e un 8,14 % máis que a galega.

Precisamente en clave autonómica, Manuel  Baltar amosouse convencido de que existen posibilidades de mellora “porque neste partido sempre hai posibilidades de mellora”. Así dixo confiar en que se pode gañar nos cinco concellos onde o PP no alcanzou a maioría, como en Petín por 6 votos, 13 en Calvos de Randín, 113 en Entrimo, 39 en Parada do Sil o 33 en Carballeda de Avia.

Xunta directiva en Avión

O presidente provincial do PP anunciou para este martes unha xunta directiva que se celebrará en Avión, por ser o concello que alcanzou o maior apoio electoral na provincia, o 88 %, “dándolle así o protagonismo que se merece á provincia, porque somos un partido de provincia, para construír e para estar sempre, como o noso lema, a favor”.