O ente autonómico inviste 113.000 euros.

A Xunta acondiciona a rúa Prado de Leiro

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o concello de Leiro co obxectivo de comprobar as obras de acondicionamento e humanización realizadas na rúa Prado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Díaz Mouteira estivo acompañada do alcalde do municipio, Francisco José Fernández.

A actuación supuxo un investimento do Goberno galego de 112.935 euros e executouse ao abeiro da orde de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia. Segundo as bases da convocatoria a Leiro, por seren un concello de menos de 5.000 habitantes, a achega autonómica que lle correspondeu foi do 100% do proxecto.

A delegada territorial indicou que o valor destas actuación non só reside no investimento realizado, senón que tamén son importantes os obxectivos que se acadan, como mellorar as condicións urbanas e as comunicacións veciñais poñendo en valor esta rúa da capitalidade de Leiro, que tiña un pavimento bastante deteriorado, con multitude de parches e fochancas. A rúa Prado é unha das vías máis frecuentadas do municipio por acoller a oficina de Correos e comunicar coa estrada de Lebosende, onde está emprazado o cine rural. Ademais do tránsito de peóns e vehículos, por esta rúa circula numerosa maquinaria agrícola por mor das adegas existentes nos baixos das vivendas.

A rúa conta agora cunha nova pavimentación e, nun dos seus treitos, reformouse a beirarrúa existente dotándoa de máis anchura. Tamén se revisaron as redes de saneamento fecais e pluviais e se realizou unha preinstalación soterrada a base de arquetas de rexistro e tubaxes para servizo de futuras infraestruturas.

Díaz Mouteira afirmou que a Xunta traballa “polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais”.