Entrevista a Diego Lourenzo - BNG Verín

“Hoxe temos un Verín moito máis humanizado”

Como definiría a situación actual de Verín?
Diego Lourenzo: “Considero que hoxe temos un Verín moito máis humanizado, con novos servizos públicos e novas infraestructuras que permiten a cohesión social. Un Verín que coloca a xente no centro da súa acción política e que conseguiu dinamizar a vila a través da cultura e o lecer. Un Verín que fixo unha importante aposta polos servizos públicos e porque estes estiveran na man do Concello e non de empresas privadas”.

Cal é o principal problema?
D.L.: “Creo que Verín non é alleo ao actual escenario de perda de poboación. Ben é certo que non é competencia municipal a demografía pero considero que debe poñerse en marcha a nivel galego/estatal un plano de traballo neste senso para os vindeiros anos e que sexa feito transversalmente, contando cos concellos tamén”.

Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
D.L.: “Temos unha batería de propostas que se poden resumir en seguir mellorando e humanizando os espazos públicos, a cultura como elemento non só de lecer senón tamén de creación de economía, aposta pola mocidade con apoio e programas propios, e o fomento da economía”.

Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
D.L.: “Hai que poñer o acento dende a capacidade que as competencias municipais nos permiten, decíndolle a verdade á xente e non prometendo o que non se pode realizar.
Creo que se fai necesario esixir da Xunta un solo industrial de calidade, poñer en marcha programas de apoio ao emprendemento rural e crear espazos onde emprendedores poidan traballar creando sinerxias”.

Como definiría a lista do BNG que vostede lidera?
D.L.: “Considero que é o mellor equipo que poderiamos ter presentado. É unha candidatura plural e activa que representa todos os sectores da nosa vila e que introduce nos nove primeiro postos a catro persoas independentes que proveñen de diversos ámbitos e que se suman a este proxecto co convencemento de traballar polo futuro de Verín”.

Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos nestas eleccions?
D.L.: “Para min non é tan importante a aparición dos novos partidos senón o tono no que aparecen e as propostas que traen”.

Trala experiencia do bipartido, pactaría co PSOE ou con algún outro partido para gobernar se fora preciso tralo 26M?
D.L.: “Creo que a fórmula de goberno funcionou durante estes catro anos.
Isto é novo e ata interesante pois faise fundamental o diálogo e o pacto para chegar a acordos e considero que é positivo. Non tería problema en repetir nunha coalición”.