Entrevista a Elvira Lama - PSOE Xinzo.

“Queremos crear unha oferta turística de calidade”

Como definiría a situación de Xinzo?
Elvira Lama: “Nunha situación calamitosa en xeral. Perde poboación e os mozos marchan para buscar o seu futuro fóra. Non se facilita a creación de emprego e esa perda provoca que nazan menos rapaces, e que moitos maiores queden sós.
Hai un retroceso evidente na renovación e mantemento de infraestruturas e edificios públicos e moitas carencias no funcionamento do Concello. Os pobos do rural están esquecidos”.

Cal é o principal problema?
E.L. “A falta de emprego e oportunidades e as dificultades para crear una empresa por falta de espazo no polígono industrial. Carencias no centro de saúde, por falla de persoal, de infraestruturas e problemas medioanbientais graves”.

Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
E.L. “Por as persoas por enriba de todo. Mellorar todos os servizos básicos que presta o Concello, en todas as franxas de idade. Revisar e baixar os impostos e as taxas”.

Que propón para a dinamización económica?
E.L. “Ampliación do polígono, captación de empresas transformadoras de produtos agropecuarios, e de I+D. Facilitar o autoemprego e o teletraballo con conexión a internet en todo o concello. Crear un centro comercial aberto, impulsar as relación comerciais co norte de Portugal. Crear una oferta turística de calidade en base o patrimonio histórico e de biodiversidade que temos”.

Como definiría a lista do PSOE?
E.L. “É un grupo de persoas extraordinarias que queren aos nosos pobos. Xente de todas as profesións que son de Xinzo e o coñecen ben. Defenderemos os intereses dos veciños con eficacia, dignidade e transparencia”.

Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos?
E.L. “Cada quen é libre de presentarse para ser elixido”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
E.L. “Os pactos son posibles e necesarios na vida política, cada vez máis. Falar e dialogar con outras forzas, por en común un programa e levalo adiante é o que a cidadanía nos impón”.