Entrevista a Jorge Emilio Bóveda, autor de "Deserto García".

“Os vicios e defectos dos personaxes están moi prensados adrede para que todo estoupe contra o final do libro”

Undécima novela do ourensán que xa está dispoñible en librerías.

“Deserto García” é a nova novela do escritor ourensán Jorge Emilio Bóveda. Presentada en Ourense -Libraría Eixo-, no Zig Zag fin de semana da TVG e esta mesma semana na casa de Curros Enríquez, en Celanova, haberá outra presentación no mes de decembro en Ourense; e de seguro que seguirá a o vindeiro ano en distintas feiras do libro da xeografía galega.
Bóveda nesta ocasión prescinde das metáforas para meter ao lector nun ambiente máis claustrofóbico, onde todo pode saltar polos aires en calquera momento. O libro colle como base o “western”, pero cunha atmósfera actual e totalmente extrapolable a calquera punto do noso planeta, onde, ademais, florecen os nosos peores sentimentos.

Cando e por que nace “Deserto García”?
Jorge Bóveda: “Cando? Nun bo momento literario para min, por ter absoluta liberdade creativa e ser publicado por case todas as editoriais de Galicia. Por que? Porque nesta fase creativa tento facer literatura, combinando os xéneros populares (terror, fantasía, western…) con influencias dos clásicos da literatura universal”.

Preséntala como un western sen ser western e en Galiza. De que vai “Deserto García”?
J.B.: “Deserto García é unha historia normal sobre xente normal, un drama violento e tremendo pensado para Galicia en plena visita aos decorados de Fort Bravo no deserto de Tabernas (Almería), que como sabes son os escenarios de, entre outras, as películas de Sergio Leone con Clint Eastwood”.

Pódese dicir que se trata dunha novela costumista?
J.B.: “Non é costumista en absoluto. Os vicios e defectos dos personaxes están moi prensados adrede para que todo estoupe contra o final do libro coma se fose un barril de pólvora. Se fose costumista xa non estariamos na Terra como especie”.

E cunha temática universal (a pesar de ser ficción pode ocorrer en calquera parte do planeta)?
J.B.: “Si, por suposto, a envexa, a carraxe, a cobiza e os celos son universais. A aldea onde ocorre a historia, chamada Loirás, podería ser Macondo, Región, Arcadia ou Hobbiton”.

Na presentación falabas dun libro distinto ao que escribiras ata agora. Cal é a diferencia?
J.B.: “Pertence ao meu ideario literario, pero é distinto pola vontade de estilo baseada na eliminación de sentenzas longas, adxectivos e moitas metáforas para ofrecer unha obra máis directa, coma se fosen os disparos da pistola que leva o propio protagonista do libro”.

Segundo libro con Editorial Galaxia, un bo binomio.
J.B.: “Non serei eu quen diga bo ou malo, o que si é seguro é que as dúas obras son diferentes pero relacionadas. Se “O Mostro de ille” pivotaba nas novelas góticas e de fantasmas anglosaxonas, “Deserto García” faino no western puro e duro. Ademais, ambas historias desenvólvense en lugares pequenos e abafantes, cheos de personaxes”.

Onde se pode mercar?
J.B.: “Galaxia distribúe por todas as librarías”.

Agora que se achega o Nadal, que mellor que regalar un libro en galego. “Deserto García” está á venda nas librarías da comunidade.