«Os que teñan a ben ler este libro toparán, en primeiro lugar, un sentimento por unha terra, por unha vila, un sentimento sincero e sen tapuxos»

Despois de máis de 10 anos escribindo na xanela deste xornal chamada “Dende a Ponte a Monterrei”, Miguel Ángel Prieto Sotelo “Chitín” atreveuse, animado por moitos dos seus ávidos lectores, a recompilar unha selección de 80 artigos que reflicten á perfección o seu amor e a súa paixón polo val de Monterrei e as súas xentes.

Quen che ía dicir aló por 2010-2011 que, máis de 10 anos despois, ías publicar un libro.
Miguel A. Prieto Sotelo (M.S.): «Pois a verdade é que non me imaxinaba tal cousa, non só por a complexidade que ten realizar esta tarefa, senón tamén por non verme daquela capacitado para comprimir nun libro tantos artigos escritos nesta década».

Que te animou a escribilo?
M.S.: «A única razón que me levou a facer esta rencompilación de artigos en forma de libro foi a insistente petición dos meus amigos e lectores destes artigos, que ao toparme pola rúa me animaban a que fixera este traballo, que a postre foi posible facer e que estou moi contento co resultado».

Que se atopará a xente que lea “Dende a Ponte a Monterrei”?
M.S.: «Os que teñan a ben leer este libro toparán, en primeiro lugar, un sentimento por unha terra, por unha vila, un sentimento sincero e sen tapuxos que ás veces as persoas non somos quen de expresar por vergoña ou por non estar convencidos de que sexa así. Nalgún dos capítulos que forman este libro, xa deixo ben claro que a defensa a ultranza da miña terra, da miña vila é fundamental para min, aínda que ao mesmo tempo, pido desculpas por ser tan radical nesta tarefa que seguramente a moitos lle parecerá desmesurada, pero como dic;a o meu pai: “cada un ten as súas manías”.
Toparán capítulos onde dou opinión de temas actuais que forman parte da indiosincrasia do val de Monterrei e de Verín, como as festas, as tradicións, o Entroido, etc. Tamén toparán capítulos adicados a situacións da vida, coma a violencia de xénero, o alzhéimer ou o acoso escolar; situacións que por desgracia están a padecer moitas persoas e que dalgunha maneira, estou moi sensibilizado e comprometido na erradicación desta lacra.
Non poderían faltar capítulos adicados ás persoas que compartiron a miña infancia e parte da adolescencia, lembranzas familiares e situacións que posiblemente cada persoa que lea este libro sentirase protagonista, xa que eles tamén viviron o que estou a contar. Quixen que nesta recompilación non faltara o pregón do Entroido que tiven o placer de recitar na plaza Maior de Verín, ateigada de xente, no derradeiro entroido antes da pandemía. Coido que este agasallo tan fermoso que o Concello puxo nas miñas mans non debería quedar no caixón do esquecemento. En difinitiva, todas as historias que o lector topará aquí son sinxelas historias vividas por min cando era un cativo, e outras son relatos e historietas contadas polas persoas maiores coas que tiven e teño a fortuna de xuntarme».

En total son 80 artigos, custouche selecciónalos? Levaches un criterio para a selección?
M.S.: «A selección dos artigos non foi tarefa doada, xa que todos eles son importantes para min. Había máis dun cento de artigos dos que intentei meter os máis atractivos, pero sempre che queda algo de resquemor na alma por deixar algún fóra, pero coido que esta selección de 80 artigos completan un traballo que polo que escoito na rúa estalle gustando á xente».

O que deixas claro é o amor pola túa terra (Monterrei) e pola súa xente.
M.S.: «Si, está claro que o máis importante para min son as persoas. As historias son feitos que sucederon e suceden en determinados momentos, pero os protagonistas destas historias son as xentes, os homes e mulleres daquel tempo que para min foi marabilloso. Fago lembranza de moitos personaxes do Verín daquel entón, persoas que me quedaron gravadas no maxín dende neno. Moitos quedaron sen nombrar e, sen dúbida, tamén merecerían o seu protagonismo, pero a boa fe sei que non mo terán en conta, porque os levo a todos nas lembranzas».

Durante a presentación dixeches que sería o último libro que escribes.
M.S.: «Na presentación do libro, non me lembro se o dixen ou non, pero si o deixei reflexado no limiar, que estaredes seguramente ante o meu primeiro e derradeiro libro. Xa sei que soa forte decir isto, pero a verdade é que non me considero escritor nin poeta. Escribo para baleirarme, como di o meu amigo Antonino Nieto Rodríguez, que este señor si que é poeta de verdade. O meu é un entretemento entre outras actividades que fago para divertirme».

No libro hai ledicia e tristeza, a vida mesma.
M.S.: «Sen dúbida, no libro hai capítulos cheos de ledicia e noutros a tristeza aparece irremediablemente, mais non teño outro xeito de transmitir os sentimentos tal coma os sinto. Emocionarse con algo que levas na alma, para min é ledicia, e deixo a tristeza ancorada nun recuncho. Aínda que hai certos momentos, coma cando escribo sobre as persoas que xa non están con nós, entón as mans tremen e os ollos énchense de bágoas, pero ao final de todo sénteste liberado, porque quedas desafogado e a ledicia supera á tristeza, pero sei que non é doado de entender».

E non podería faltar o Entroido, un dos piares fundamentais da túa vida e dos veciños de Verín.
M.S.: «O Entroido non podía faltar neste libro. Hai varios capítulos adicados á nosa festa, a máis grande das festas do val de Monterrei. Nestes artigos dou a miña particular visión do que é o Entroido para min. Deixo caer tamén as cousas que non me gustan e que eu trocaría radicalmente, pero sempre dentro do respecto a todo o mundo, porque facer entroido parece doado dende a barreira, pero os que saén á praza, saben moi ben do que estou falando. Non quero dicir máis nada do Éntroido aquí, deixo que os lectores lean e, como non, despois opinen. Tamén hai un soneto adicado ao cigarrón de Verín e unha oda ao Entroido, que xunto con outro soneto adicado ao noso Hospital e as coplas que dedico a Enrique Gómez Pato no día do seu centenario, é un guiño poético dentro dun mar de prosa».

Onde se pode mercar o libro?
M.S.: «O libro pode mercarse na libreria AZ, no Rincón do Libro e na libraría Monterrei. En próximas datas estára tamen dispoñible en outros lugares pendentes de distribución. Aproveito para dar as gracias a Editorial «Leveda», do meu amigo Edelmiro Mateo García, que sen a súa colaboración, non sería posible esta obra».