«Leva vivindo na miña mente -Pastor Paez- máis de vinte anos, enriquecéndose como personaxe para o bo e para o malo»

Entrevista ao escritor ourensán Jorge Emilio Bóveda.

Falamos co autor de «Caixa B», que nos regala unha novela na que unha investigación pola desaparición dos cartos dunha empresa descóbrenos a maquinaria da sociedade en varios dos seus estratos.

Cita obrigada para os lectores do Barrios é a entrevista que lle facemos ao escritor Jorge Emilio Bóveda cada vez que publica unha nova novela. Nesta ocasión chega a súa décimo cuarta obra, «Caixa B», un libro que reencontrará ao lector habitual dos libros do escritor ourensán con Pastor Paez -protagonista por antonomasia da obra «Bovediana»- nunha nova andanza, divertida, que deixará, coma sempre, un pouso para a reflexión. E para os que non o coñezan será unha ocasión ideal para achegarse a este mundo detectivesco, divertido e con moita retranca.

Que nos atoparemos ao abrir Caixa B?
Jorge E. Bóveda: «Unha novela NON negra. Ao mellor un colector de sorpresas literarias; dependerá de quen o lea. Un caderno de observación. Un libro divertido de ler ou, como dixo Diego Ameixeiras, un retrato social que non vai gustar a todo o mundo. Póndonos algo máis técnicos, Xulio Pardo de Neyra tamén dixo que é unha subversión do xénero policial que podería inaugurar un novo xénero en Galicia (ata tanto, non sei)».

Falabas nalgunha ocasión que esta obra pode ter dúas lecturas, cales son?
J.E.B.: «Varias. O propio libro é unha caixa de lecturas; unha caixa de caixas quizais. Está á fronte a entretida historia dunha familia normal de vacacións nun destino turístico galego de primeira orde, cuxo pai é investigado por un detective que os persegue nas sombras. A medida que descendemos no texto, topamos outros niveis de lectura ata chegar á cerna que prefiro que sexa descuberta polas persoas lectoras que queiran descubrilo. Como dixen de outros libros, as persoas lectoras poden coller do libro o que desexen, a trama está en primeiro plano, é conclusiva e satisfactoria, e non é unha obriga descender ata o centro do libro».

Tamén a escribiches con dobres sentidos, algo típico nas túas obras. Como en moitos dos teus libros, ten algo de crítica social?
J.E.B.: «Gústame recrearme no literario, buscarlle as cóxegas ás palabras, pousar un dos meus pés en toda a retranca herdada pola miña familia paterna, pousar o outro pé nos (sub) xéneros literarios, neste caso o policial, pousar unha man en todo canto levo lido e pousar a outra man en todo canto me incomoda neste marasmo social no que nos tocou vivir. Alguén falou de retrato esperpéntico e esaxerado mais eu opino que é máis realista do que se poida pensar».

O punto de partida é a desaparición duns cartos dunha empresa; iso ten moito que ver cunha das obras de Hitchcock. Hai referencias ao cine e á literatura? Dúas das túas paixóns.
J.E.B.: «O cinema sempre está presente, mais tento respectar ambas artes coa atención e o coidado que merecen. Do cinema podo reflectir contextos, xéneros, puntos de cámara, escenarios, etc. pero a enxunlla, as ideas centrais, o texto no seu conxunto, tento sempre que sexa o máis literario posible. Os meus libros son unha carreira de fondo cara a literatura; obra a obra. A ver que ocorre ao final da miña produción. Se non ocorre nada, tampouco me preocupa. Comparto co escritor ourensán Chesi o pracer da idea do esquecemento.
Non debemos confundir cine e literatura a pesar de que a liña sexa cada vez máis difusa e os guionistas pasen xa por escritores e os escritores por guionistas. É un grave erro. Ao pan, pan, ao viño, viño, ao cinema, cinema, á literatura, literatura. A sociedade está moi confundida a este respecto. Por exemplo, Carmen Mola non é unha escritora, son tres guionistas que traballan en conxunto estirando guións cinematográficos en aparente forma de prosa que se vende como literatura cando non o é».

Ademais, volve ás andadas Pastor Paez, un personaxe que chegou para quedarse nas túas obras?
J.E.B.: «É certo. Igual algún día desvelo as súas orixes se é que a alguén lle interesa. Leva vivindo na miña mente máis de vinte anos enriquecéndose como personaxe para o bo e para o malo».

Que ten Jorge Bóveda de Pastor Paez e que ten Pastor Paez de Jorge Bóveda?
J.E.B.: «Pouco. O gusto polos libros e a obsesión pola lectura. Quizais, tamén a despreocupación absoluta polo “que dirán os demais”. Ben, e se queres detalles morbosos, o Renault 11 GTD que conduce en Caixa B tamén foi o meu primeiro coche, e as prendas que viste tamén foron miñas cando era novo: a chaqueta americana de pano, a camiseta de University of Oregon e o pantalón frouxo».