Primeiro Premio Autonómico nas Olimpíadas de Telecomunicacións para o CIFP A Farixa de Ourense

Por terceira vez consecutiva.

Por terceiro ano sucesivo, o equipo de estudantes do CIFP A Farixa proclamouse vencedor do Primeiro Premio na fase autonómica das Olimpíadas de Telecomunicacións de Galicia, convocadas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. Este triunfo non só acredita a súa excelencia formativa, senón que lles outorga o dereito de representar a Galicia na competición nacional fronte aos mellores proxectos do conxunto do Estado.

Na edición 2025 participaron máis de 200 alumnos procedentes de toda a comunidade galega, agrupados en distintas categorías e avaliados por un tribunal integrado por profesorado da Escola de Enxeñaría e directivos das empresas patrocinadoras. O tema central desta convocatoria xirou arredor do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 7: Enerxía Asequible e Non Contaminante, requirindo aos concorrentes deseñar solucións que combinesen sistemas enerxéticos innovadores coa integración de tecnoloxías de telecomunicacións.

O proxecto gañador o CIFP A Farixa, baixo a dirección do profesor Ricardo Ameijeiras Vázquez, presentou un sistema integral que aproveita a forza da auga para xerar enerxía: un depósito canaliza o fluxo a unha turbina que carga unha batería; esta alimentación sustenta un módulo de control que vixía en tempo real os parámetros de calidade da auga; e, finalmente, toda a información recóllese nunha plataforma web propia, coa que usuarios autorizados poden monitorar o funcionamento do sistema. Esta proposta destaca pola súa creatividade, rigor técnico e pola aplicación práctica dos coñecementos adquiridos durante o ciclo formativo.

A fase final das Olimpíadas de Telecomunicacións a nivel nacional está prevista para finais de maio, aínda pendente de confirmación da data exacta. Alí, o CIFP A Farixa defenderá de novo o seu modelo perante equipos seleccionados de todo o país, co obxectivo de manter a súa notábel racha de éxitos.
Segundo Jose Manuel Paredes, director do centro, “este premio é un aval e un estímulo para a metodoloxía de traballo que o noso profesorado está aplicar na súa actividade docente, en constante contacto cos sectores produtivos, sociais e culturais da comunidade e na busca dunha translación constante de coñecemento entre o centro formativo e a realidade na que se insire”.