Entrevista a Lois González, propietario dunha explotación de bois.

“Se o animal está ben engordado e a carne ben madurada acada un sabor manteigoso”

Lois González emprendeu a arriscada aventura de criar bois para vender a súa carne a particulares e hostalaría. Tras sete anos, explota 70 cabezas de vacas, becerros e bois.

Achegámonos a Coedo, no Concello de Allariz, onde nos recibe Lois González, un mozo que regresou á súa aldea para facer o que máis lle gustaba de neno: críar animais. Foi un dos pioneiros en por en valor a carne de boi. Ninguén mellor para descubrirnos o segredo desta carne vermella que tanto gusta.

Cóntanos a túa experiencia como gandeiro.
Lois González (L.G.): “Comecei no ano 2011 porque non atopaba traballo na empresa privada. Decidín montar algo pola miña conta e a gandeiría sempre me chamou, dende pequeno. E así comezou todo. Lembrei que os meus avós tiñan vacas aínda que miña nai non continuou, a min gustábame. Agora explotamos 60 hectáreas. As vacas son autóctonas, de raza vienesa. Todo en crianza ecolóxica en extensivo, en aberto. Primeiro temos aos becerros dous, tres ou catro meses, depende do animal, nun pequeno cebadeiro”.

Como foron eses comezos?
L.G.: “Comecei mercando poucos animais para facer unha especie de proba, pero fomos aumentando pouco a pouco ata o de agora, que temos 70 cabezas entre vacas e bois. O primeiro que tiven foron bois e introducín vacas para aproveitar as zonas máis alonxadas do pobo. Como a Xunta non contempla a cría de boi como subvencionable e as vacas si, tamén axudou para ter subvencións para a primeira incorporación e axudar a instalarme”.

Tiveches axudas da administración entón?
L.G.: “Si. A Consellería de Medio Rural axudounos para a primeira incorporación e o grupo de desenvolvemento rural da zona tamén”.

Porque decidiches criar bois?
L.G.: “Foi unha cuestión persoal miña. Xa levamos sete anos e penso que fomos medrando. Temos ao redor de 10 bois durante o ano, entre 9 ou 12. Mercamos a cría do boi fóra de aquí porque non é un produto doado de conseguir. Témolo só para a tempada de verán e rematamos coas xornadas de carne de boi en Allariz agora en outubro”.

Fuches dos primeiros en críar bois na zona?
L.G.: “Cando comecei eu practicamente en Ourense non había proxectos como o meu. Si que había xente que os tiña por afección, pero pouca cousa, un ou dous animais na casa. Fun dos primeiros proxectos de cría de boi como negocio propiamente dito”.

Cal é o segredo da carne de boi?
L.G.: “O consumidor ten unha crítica moi positiva desta carne, da nosa carne en particular. O hostaleiro tamén está contento co produto. Pese a ser unha carne un pouco máis cara que outra, valórase moi ben. Hai moi pouca. Ten un sabor diferente ao resto.
Se o animal está ben engordado e a carne ben madurada acada un sabor manteigoso. Tamén axuda que a carne roxa se puxo de moda nos altos restaurantes. O boi ten mellor venta que a vaca, que semella desprestixiada, polo tema da “vaca vella”, pero non é así. Notamos que hai un crecemento na demanda de carne de boi, de feito, cada vez hai máis xente que os cría coma min”.

Como e a quen lle vendedes a carne de boi?
L.G.: “Tamén somos distribuidores. Vendemos directamente a particulares e a hostalaría. Pero estamos máis centrados na hostalaría. Vendemos a comercio local nun radio de 30 ou 40 quilómetros. Vemos que hai interese en mercar a nosa carne fóra, pero teño que analizalo porque aínda somos pequenos. Nun futuro igual si, pero agora non. Non hai moita xente que venda carne de boi, está moi buscada.
Estamos acollidos baixo a marca “Carne de boi de Allariz”. Con isto tentouse darlle nome e apelidos a esta carne. Temos unha forma de traballar na que vendemos toda a carne do animal, do boi, non só os chuleteiros. Así o que conseguimos é baixar o prezo en xeral e que sexa rendible a crianza”.

Tes algún plan de futuro?
L.G.: “Imos en función do que nos pide o mercado. Estamos estabilizados neste número de cabezas. Polo de agora o mercado non nos demanda máis carne. Imos cumprindo espectativas. A curto prazo non vexo moitos cambios”.

Que cres que falta para darlle un pulo á vida empresarial no rural?
L.G.: “Hai dous problemas principais ao que nos enfrentamos os gandeiros. O primeiro é a burocracia. O montón de papeis que fan falla desaniman a calquera. Case tes que invertir un día á semana en xestionar papeis. Ou lle quitas horas á túa xornada laboral ou acabas pagando a unha xestoría, co que son máis gastos.
O segundo é que ao depender da terra necesitamos un acceso máis doado a ela. Con respecto a outras partes de Europa imos con retraso e iso impídenos ser competitivos. É unha das eivas máis grandes que temos en xeral todos. Non dispoñemos da terra que precisamos. As gandeirías tenden a ser máis grandes e non podes medrar. Se fora accesible mediante préstamos ou alugueres sería positivo.
Eu conseguín un monte comunal porque era o único que o quería traballar e cedéronmo por un pequeno arrendo. Para xuntar esas 60 hectáreas precisei 200 parcelas, teño unhas grandes e moitas pequenas. Penso que a Administración debería facilitar esta tarefa. Se soupera que podo medrar en 20 ou 30 hectáreas máis doadamente igual me pensaba meter máis animais”.

Que mensaxe lle mandas á xente que queira seguir os teus pasos?
L.G.: “É un traballo moi bonito que ten grandes recompensas. Dependes de ti mesmo. Medras como persoa e como profesional. Pero require moitas horas, como os autónomos deste país. Eu estou moi contento co camiño andado”.