Entrevista a Manuel Pérez - Xinzo Adiante.

“Cremos que Xinzo debe ter polígono industrial propio”

Como definiría a situación actual de Xinzo?
Manuel Pérez: “É un concello moribundo. Os actuais gobernantes nos últimos 10 anos o único que fixeron foi levarnos a ter no ano 2012 unha débeda superior ós 11 millóns de euros e unha suba de impostos superior ao 60%”.

Cal é o principal problema que ten Xinzo?
M.P.: “A veciñanza non ten oportunidades laborais e vese na obriga de emigrar. A decadencia de Xinzo xunto coa deixadez dos nosos gobernantes, levounos a que sectores como o comercio, hostalería ou servizos estean funcionando moi en precario. O mesmo pasa no sector agrogandeiro, un dos puntais básicos da nosa economía”.

Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo?
M.P.: “Temos un programa de 121 medidas que, por certo, somos os únicos que presentamos programa en vez de candidaturas. Todas esas medidas son necesarias para que Xinzo volva ser un concello dinámico, atraente e que se vexa idóneo para vivir, investir, en definitiva crear o teu fogar”.

Que propostas ten para a dinamización económica?
M.P.: “Deberíamos ter un polígono industrial propio. Para elo negociaremos con Xestur a súa cesión ao Concello. Deste xeito, seríanos moito máis sinxelo e económico poder axudar ás empresas que se queiran montar nel; por exemplo, a cesión gratuíta de terreo para montar unha empresa.
Tamén queremos crear un viveiro de empresas para axudar ás emprendedoras; rebaixa de taxas nas aperturas de novos negocios, axudas ás emprendedoras autónomas, mozas e mozos que creen o seu propio negocio, á contratación de persoal. Ademais, apoiaremos ás distintas organizacións empresarias na defensa dos seus xustos intereses ante o resto das Administracións”.

Como definiría a lista do Xinzo Adiante?
M.P.: “A nosa lista foi configurada para gobernar o Concello dende o minuto cero. Temos a persoas que representan a todos os ámbitos profesionais. Por outra banda, somos a única candidatura de Xinzo que non ten a partidos políticos nin de ámbito estatal ou galego que poidan dicirlle o que teñen que facer. Nin tampouco a ningún grupo de presión máis que as nosas veciñas e veciños”.

Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos?
M.P.: “Creo que toda persoa que queira ten dereito a presentarse. Pero resulta sorprendente que aparezan determinadas candidaturas; algunha formada por persoas que nin sequera están empadroadas en Xinzo; outra formada por unha persoa enfadada co PP porque non a levou nas listas; outra liderada por unha persoa que sempre que se mete en política acaba abandonando antes de rematar a lexislatura”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
M.P.: “Xinzo Adiante aspira a gobernar en maioría absoluta. De non darse esta situación, só pactará con quen queira un cambio de rumbo real e con quen teña un proxecto que asegure este cambio”.